Curso de verán: “Afonso X, o Sabio: cronista e protagonista do seu tempo”

Las conferencias serán impartidas en gallego y castellano.

Nestes tempos actuais, nos que a Idade Media está tan de moda, pretendemos ofrecer unha visión real deste período a través dunha figura crucial non só na historia de España, senón no Occidente Europeo. O curso pretende ofrecer unha panorámica do reinado de Afonso X o Sabio, amosando a súa intervención na historia como rei durante un longo período do século XIII, pero sobre todo, como rei interesado pola cultura do seu tempo e pola promoción desta desde a súa corte, centro neurálxico da produción literaria do momento, tanto en prosa como en verso, tanto en castelán como en galego.

Descricción de contidos

Para cumprir cos obxectivos propostos, programouse un curso de carácter xeral, impartido por expertos no seu ámbito de intervención e de demostrada capacidade comunicativa. No primeiro día, os conferenciantes historiadores debuxarán o contexto histórico e os perfís do reinado de Afonso X, salientando os conflitos aos que tivo que facer fronte e a marcha que, finalmente, tomaron os acontecementos. Analizarase tamén a súa relación con ambas as dúas linguas faladas no seu reino e tamén se debuxará o mapa lingüístico da Península Ibérica no século XIII, para logo centrarnos na produción afonsina en galego-portugués. Reservarase unha particular atención ás Cantigas de Santa María, tanto no segundo día como no terceiro, estudando os seus Códices Ricos en edición facsimilar e analizando o seu contido porque, á marxe de ser literatura de carácter piadoso, o verdadeiro interese para un lector contemporáneo reside en que estes textos constitúen un variado mosaico da sociedade medieval, que axuda a coñecer mellor as xentes e os usos e costumes deste período.

Lugar, data e informacións (matrícula)

O curso terá lugar en Santiago de Compostela, desde o día 26 ata o 28 de xullo de 2017, no Salón de Actos do Centro de San Roque (Rúa de San Roque, 2). É posible matricularse desde o 10 de maio ata o 16 de xuño, enviando un correo ao seguinte enderezo: cursosdeveran@usc.es. Para máis información (coste, recoñecemento de créditos etc.) pódese visitar a web indicada.