Concerto de Carlos Núñez coa Orquestra do Pórtico da Gloria e Jordi Savall na Catedral de Santiago

Carlos Núñez ofrecerá o próximo 22 de novembro un concerto na Catedral de Santiago cos instrumentos do Pórtico da Gloria como peche do programa conmemorativo polo 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

O programa, creado especialmente para a ocasión por Carlos Núñez e Jordi Savall, prestará particular atención á música do Códice Calixtino e ás Cantigas medievais galego-portuguesas, así como aos instrumentos do Pórtico da Gloria, que por primeira vez serán tocados por Savall e o seu grupo Hespèrion XXI, formado por algunhas das maiores estrelas internacionais da música antiga desde hai máis de catro décadas.

Nesta histórica cita, que será gravada e distribuída por todo o mundo, participarán artistas especializados norteamericanos, franceses, holandeses, británicos, italianos, gregos ou nórdicos, entre outros. Tamén galegos como Francisco Luengo, que construíu algúns dos instrumentos que se utilizarán, músicos novos e a Capela de Música da Catedral de Santiago.

O concerto será o mércores 22 de novembro, xornada na que precisamente se celebra o Día do Músico, a partir das 21,30 horas. O acceso será gratuíto, para o que será preciso recoller previamente as invitacións, que se repartirán desde as 16,00 horas do 18 de novembro no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino situado na rúa Carretas da capital galega.

Fonte (parcial): xunta.es