A época do espazo. Estado e novas perspectivas

Os vindeiros días 8, 9 e 10 de abril terá lugar na Universidade de Santiago de Compostela o congreso internacional “A época do espazo. Estado e novas perspectivas”, onde se darán cita investigadoras de todo o mundo co obxectivo de partillar os seus proxectos e reflexionar en torno ao actual estado do “xiro espacial” que viven as humanidades dende a segunda metade do último século.

Entre as numerosas persoas que participarán do evento, destacamos a presenza de Robert T. Tally (Texas State University), Alessandro Scafi (The Warburg Institute), Joan Nogué (Universitat de Girona), Federico L. Silvestre (Universidade de Santiago de Compostela) ou Marilar Aleixandre (Universidade de Santiago de Compostela), que darán unha serie de palestras, completando así un programa de comunicacións, charlas, mesas redondas e debates que se pode consultar na nosa web: https://www.aepocadoespazo.info. Tamén aí está dispoñíbel a información sobre a asistencia e as inscricións. O prazo para rexistrarse como asistente está aberto até o 31 de marzo e o prezo é 10€, malia que tamén existen descontos para certos programas de doutoramento.

Confiamos que o programa sexa do seu interese e convidámolos a asistiren.


Monday 8 April 2019 - Wednesday 10 April 2019